TEMPADA DE ABONOS DE TEATRO Afundación out-dec 2025, en Vigo
__narrow.png)
Aquí chega unha nova TEMPADA DE ABONOS de TEATRO Afundación! O Teatro Afundación Vigo acolle de outubro a decembro cinco novas obras sobre as táboas con elencos de primeira orde e baixo as indicacións e a guía de directores e directoras consagradas no panorama nacional. Olla a seguir os títulos e datas e infórmate sobre como facerte co teu paquete de teatro esta nova tempada.
As persoas xa abonadas poden renovar as súas butacas tamén de xeito online.
LAS AMARGAS LÁGRIMAS DE PETRA VON KANT | xov 2 OUT | 20.30 h
SEIS PERSONAJES EN BUSCA DE AUTOR | xov 30 OUT | 20.30 h
PIJAMA PARA SEIS | xov 13 NOV | 20.30 h
LA BARRACA | mér 26 NOV | 20.30 h
CAMINO A LA MECA | xov 10 DEC | 20.30 h
CULTURA POR ALIMENTOS
Goza da cultura mentres axudas os bancos de alimentos locais de Galicia!
Todas as funcións da nosa Tempada de Abonos encádranse neste programa solidario en colaboración con FESBAL, a Federación Española de Bancos de Alimentos. Axúdanos traendo a túa doazón de alimentos non perecedoiros cando asistas ao teatro. Grazas!
Máis información
OBRAS
LAS AMARGAS LÁGRIMAS DE PETRA VON KANT de Rainer Werner Fassbinder
xov 2 OUT | 20.30 h
85 min | castelán | NRM 18
DIRECCIÓN Rakel Camacho
ELENCO Ana Torrent, Aura Garrido, Maribel Vitar, Julia Monje, María Luisa San José
PRODUCIÓN Pentación Espectáculos e Nave 10 Matadero
«Estilizado retrato do desamor romántico nun universo puramente feminino»
Petra von Kant, unha exitosa deseñadora que acaba de separarse do seu segundo marido, vive coa súa secretaria Marlene, á que case escraviza. Cando coñece a Karin, unha moza oportunista de orixes humildes, Petra namora perdidamente dela e promete convertela en modelo internacional. As dúas mulleres comezan entón unha tormentosa relación.
Esta obra, escrita febrilmente durante un voo entre Berlín e Los Ángeles e estreada en 1917, pertence ao período máis brillante de Rainer Wener Fassbinder (1946-1982). Ao ano, convertíase en película. Foi eloxiada pola crítica internacional, chegando a ser hoxe un clásico europeo sobre as relacións de poder, a obsesión e a necesidade tóxica de que o resto nos acepte.
SEIS PERSONAJES EN BUSCA DE AUTOR de Luigi Pirandello
xov 30 OUT | 20.30 h
105 min | castelán | TP
DIRECCIÓN Pepa Gamboa
ADAPTACIÓN Antonio Álamo
ELENCO Aiden Botia, Eva Egido, Ruth Gabriel, Nuria Gallardo, Ramón Langa, Chema León, Paula Muñoz, Didier Otaola, Montse Peidro, Fernando Ramallo, Jorge Torres, Lena Vega
PRODUCCIONES FARAUTE
«Unha das obras máis paradigmáticas e influentes do teatro do século XX, un drama de ideas no que a palabra ten grande importancia»
Estamos no inicio dun ensaio, xa van chegando o elenco e, pouco despois, o director. A actriz que sempre chega tarde, por suposto, chega tarde. A obra que se dispoñen a ensaiar é, curiosamente, de Luigi Pirandello: O xogo dos papeis, unha comedia ao redor dun triángulo amoroso. Os actores e a actriz, estoicamente, soportan o malhumor do director; o director, pola súa banda, non soporta case ninguén, nin sequera o Pirandello, e amósase puntilloso con todo e con todas. Ata que o ensaio se ve interrompido por unha familia de seis persoas que declaran teren nacido personaxes e esgrimen unha pretensión imposible: que alguén represente o seu drama. Dese xeito, a comedia mestúrase coa traxedia, a fantasía coa realidade e personaxes con actores e actriz.
PIJAMA PARA SEIS de Marc Camoletti
xov 13 NOV I 20.30 h
90 min | castelán | NRM 14
DIRECCIÓN Raquel Pérez
ELENCO Gabino Diego, Isabel Gaudi, Amaia Vargas, Sabina Praga, Jesús Cisneros
PRODUCIÓN Descalzos Producciones
«A historia xira en torno ao amor, os celos, a confianza, a mentira, a infidelidade, a amizade, a discreción... en fin, que esta comedia abrangue moito máis do que a primeira vista poida parecer»
Fernando, aproveitando que a súa muller Mercedes ten que ir visitar a súa nai, convida a súa amante Susi a pasar unha fin de semana con el, e tamén un amigo seu, Carlos, para ter unha coartada. Todo é perfecto, mesmo contratou unha cociñeira, Susana, para que non falte de nada. Mais as cousas non saen como el agarda e o serán romántico acábase convertendo nunha noite moi movida na que todas as persoas finxen ser o que non son para evitaren ser descubertas.
LA BARRACA de Vicente Blasco Ibáñez
mér 26 NOV | 20.30 h
90 min | castelán | NRM 12
DIRECCIÓN Magüi Mira
VERSIÓN Marta Torres
ELENCO Daniel Albaladejo, Antonio Hortelano, Jorge Mayor, Antonio Sansano, Patricia Ross, Claudia Taboada, Elena Alférez, Jaime Riba
PRODUCIÓN Teatro de Malta, Pentación Espectáculos e Olympia Metropolitana
«Unha historia de sempre que nos fala da eterna loita entre a razón e a violencia dunha comunidade enferma con comportamentos salvaxes»
O arraigamento á terra dános a identidade tan necesaria para vivir. Unha terra que se converte en deserto sen o seu principal alimento, a auga.
Nesta versión seguimos a loita a través dos e das personaxes da novela canda unhas sombras que encarnan a veciñanza e outras presenzas, recreando atmosferas e o paso do tempo. Na primeira parte ‘Pasado e presente’, coñecemos as dúas familias que viven nas terras, e unha terceira que non pode instalarse nelas, con todas as súas circunstancias; logo, chegan ‘Os intrusos’, a segunda parte da obra na que aparece unha nova familia á que o resto fai a vida imposible, ata que lle morre un fillo e xorde a piedade. ‘O lume’ pecha a historia, os intrusos son falsamente aceptados, mais perante as esixencias dos propietarios, esta máscara creba e unha noite prodúcese a traxedia.
CAMINO A LA MECA de Athol Fugard
mér 10 DEC | 20.30 h
90 min | castelán | NRM 12
VERSIÓN E DIRECCIÓN Claudio Tolcachir
ELENCO Lola Herrera, Natalia Dicenta, Carlos Olalla
PRODUCIÓN Pentación Espectáculos
«Unha fonda reflexión sobre o illamento, a loita interna e o conflito entre conformarse coas expectativas da sociedade ou seguir os propios soños e desexos»
Baseada na excéntrica escultora surafricana Helen Martins, describe a súa vida como viúva recluída, obsesionada coa súa obra (a creación dun xardín de esculturas orientadas cara á Meca) e as súas difíciles relacións coa comunidade onde vive en 1974, en pleno apartheid. A chegada dunha moza mestra como traballadora social desde Cidade do Cabo, precipita a confrontación entre as dúas (mundo exterior fronte a interior) mostrándose a denodada loita da artista independente en contra dunha sociedade estritamente ordenada por regras. A incomprendida escultora transforma a través da súa arte unha vida mediocre e opresiva nun canto á esperanza.
RENOVACIÓN DE ABONOS
Se te abonaches á última tempada, agora podes renovar o teu abono e reservar as mesmas butacas de xeito online ou fisicamente:
• Online | 9 a 16 XUÑ a través da ligazón que recibirás no teu correo-e.
• Billeteira Teatro Afundación Vigo (Rúa Marqués de Valladares, s/n) | 17 XUÑ | 11.00 a 14.00 e 17.00 a 20.00 h
VENDA XERAL DE ABONOS
www.ataquilla.com | 18 XUÑ a 7 SET 2025
VENDA DE ENTRADAS SEN ABONO
www.ataquilla.com ou Sede Afundación Vigo (Policarpo Sanz, 26) | a partir 8 SET 2025
Tes máis información no 986 12 00 78
DESCONTOS DOS ABONOS
Todos os abonos teñen un 20 % de desconto con respecto ao prezo do billete*
*Gastos de xestión á parte.
Outras bonificacións e descontos xerais
- Xente moza: carné Xove
- Maiores de 65: carné de xubilación
- Persoas desempregadas: carné correspondente
Aplicarase un desconto adicional do 10 % con respecto ao prezo do abono.
A programación poderá estar suxeita a cambios.
A duración das obras é aproximada.
Aproveita para visitares a axenda web e decatáreste de todas as propostas culturais que che ofrecemos ao longo do mes. Tamén podes entrar na nosa ticketeira Ataquilla.com para informarte doutras actividades escénicas.