Un novo espazo para Ourense: un gran centro sociocultural no corazón da cidade

Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación, presentaba o proxecto de creación dun gran centro sociocultural en Ourense, que unirá o antigo Hotel Barcelona coa nosa sede actual na Avenida de Pontevedra. Dous edificios emblemáticos que rehabilitaremos para darlles unha nova vida, con máis de 5500 m² ao servizo da cidadanía.
Este novo espazo será aberto, dinámico e interxeracional. Aquí convivirán propostas culturais, educativas, sociais e actividades pensadas para todas as idades. Especialmente, continuaremos impulsando o envellecemento activo, involucrando ás persoas maiores (máis de 1900 xa socias en Ourense) nas accións culturais e educativas que tamén compartirán con escolares e mocidade.
Queremos construír un lugar vivo, que evolucione coas necesidades da cidade. Por iso, imos escoitar activamente á veciñanza, para adaptar a nosa programación, sempre cun espírito transformador e colaborativo.
A nosa oferta incluirá exposicións, concertos, teatro, conferencias, actividades escolares e moito máis. Apostaremos por artistas locais e abriremos as portas a entidades e colectivos para que fagan deste centro a súa casa.
Ademais, poñemos en valor o patrimonio arquitectónico da cidade. Recuperaremos o aspecto orixinal do Hotel Barcelona, unha xoia de Vázquez Gulías, e uniremos este espazo co edificio contiguo, tamén obra súa e símbolo do modernismo galego.
Este proxecto é tamén unha declaración de compromiso con Ourense: co seu pasado, presente e futuro.