Andaina: Camiño de San Rosendo e a Raíña Santa

Iniciamos este fermoso camiño cheo de cruceiros e petos de ánimas nas proximidades da aldea de Recarei, que nos recibe cun peto de ánimas e a capela de San Antonio. Un forte descenso, cos espectaculares picos que forman a cadea montañosa do Xurés-Gêres diante, lévanos ata as beiras do río Cadós, onde un camiño entre carballos vai ascendendo cara á igrexa de Santiago, deixando un cruceiro á dereita. Unha vez superada esta pequena costa entramos na aldea de Rubiás, na cuxa fonte podemos repoñer auga. En practicamente todas as poboacións atoparemos lavadoiros e fontes públicas totalmente restauradas.
O percorrido lévanos por aldeas cheas de cruceiros, fontes e hórreos, con espectaculares vistas da serra do Xurés-Gêres e do encoro das Conchas.
Ao rematar, gozaremos dunha visita guiada ao xacemento romano de Aquis Querquennis da man do arqueólogo Santiago Ferrer.
Como sempre, realizaremos un xantar para compartir as vivencias da xornada e falar dos plans das vindeiras andainas.
No regreso, faremos tamén unha parada especial na igrexa visigótica de Santa Comba de Bande.
- Lonxitude: 11 km aprox.
- Dificultade: moderada.
Recomendacións:
- Levar calzado e roupa axeitados. Ter en conta que estamos no inverno e os camiños poden ter auga.
- Levar líquido e algunha peza de froita se se considera necesario.
- En canto ao grao de dificultade, indicamos que o valoramos tendo en conta diversos parámetros como: desniveis positivo e negativo, lonxitude, estado dos sendeiros, pero sempre para unha persoa que estea minimamente afeita a camiñar.
Insríbete neste formulario ata o día 22 de setembro ás 19h: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSfpId4PIJeL7WzZtAxbCrmokBsbltPGabjAsnasNERP2sbcow/viewform?usp=header